
ANTI-IMPERIALISMO
Seica non é palabra “de moda” en círculos elegantes e distinguidos. Nin nos ámbitos empeñados en presentar unha faciana amábel do Estado español, da Europa e do mundo, nesa fantástica “alianza de civilizacións” na que nos toca viver. Mais afortunadamente existe, e define un amplo e diverso movimento, a escala planetaria, comprometido coa liberación dos pobos e a transformación do modelo económico predominante.
Tiven a honra de representar ao BNG na 32º Edición da Festa do Avante!, organizada polo Partido Comunista Portugués na Atalia-Amora-Seixal, os pasados 5, 6 e 7 de Setembro. A presenza –xa tradicional- do nacionalismo galego neste evento supuxo tamén unha oportunidade para dar a coñecer, e proxectar no plano internacional, a existencia de Galiza como nación e do BNG como organización política, mais tamén para intercambiar experiencias e información con outros partidos, frentes e organizacións que compartillan outro modelo económico e social, alternativo ao capitalismo a escala mundial (imperialismo), para a humanidade.
Forzas políticas anti-imperialistas, de diverso signo ideolóxico, da Palestina, Bolivia, Timor Leste, Venezuela, Cuba, Brasil, Cabo Verde, Irlanda, Irán, Sahara, Uruguai ou o Vietname, entre outros, pertecentes a nacións con ou sen estado, como Galiza, participaron durante eses días -desde o respecto recíproco, a solidariedade e a amizade internacionalista- en encontros de debate e análise a respecto da situación actual da humanidade, das agresións imperialistas, e dos procesos revolucionarios que se levan a cabo nos diversos países.
Teño que recoñecer que foi bon comprobar, desde unha perspectiva nacionalista, como a defensa dos principios de autodeterminación e soberanía dos pobos, inseparábeis dun auténtico conceito de Democracia, xeraron unanimidades entre os presentes, como a mellor arma para combater a hexemonía mundial, nos planos económico e militar dos Estados Unidos. E para combater un sistema que xera guerra, dominación, desigualdade, e condea á fame e á miseria ás tres cuartas partes da humanidade.
É bon saber que o nacionalismo galego non está só na loita por un mundo xusto conformado por nacións libres, ainda que haxa quen nos faga crer xustamente iso. Afortunadamente temos aliados. Mais tamén temos que ser conscientes de que a mellor contribución que podemos facer para conquistar ese nobre obxectivo, é traballar, na nosa Patria, polo noso propio futuro en liberdade. Esa será a nosa mellor achega. Anti-imperialismo activo, dende Galiza.
No comments:
Post a Comment